martes, 30 de decembro de 2014

Recomendacións diante dos recargos



 +  =





Como ben sabedes, Correos con tal de aforrar cartos en man de obra fai o que sexa:
  • -          Deixar seccións sen cubrir varios días.
  • -          Recargar seccións.
  • -       Dar ordes para que o persoal de reparto de ordinaria leve envíos que non debería repartir: paquetería voluminosa, envíos urxentes, voto por correo…
O recargo da sección de reparto que nos asinaron, sobre todo despois dun redimensionamento,  ocasiona que realicémolo noso traballo nunha forma na  que non se respectan os dereitos dos usuarios e violando a nosa dignidade de traballadores/as.

Por iso dende a Xunta de Persoal e dende o Comité de Empresa de Correos de A Coruña aconsellámosvos que sigades as seguintes pautas de traballo no caso que non vos de tempo de realizar todo o traballo que vos manda o voso xefe/a:


1º Tede en conta cal é a prioridade da correspondencia, non ten a mesma prioridade unha carta que un impreso. Por iso é conveniente que primeiro “tiréde-la carta”,  e despois, en función da hora que sexa, “tiréde-lo impreso”.

2º Cando embarriedes a correspondencia certificada é conveniente que metades en SGIE tódolos envíos SEN EXCEPCIÓN e, en caso de que non vos dea tempo de realiza-la entrega de todos, fagades constar no sistema informático que non están entregados por “Falta de tempo”.

3º Cumprir escrupulosamente ca entrega de notificacións, en especial no relativo a que so se fará un segundo intento pero con 1 HORA DE DIFERENCIA en relación co primeiro (Unha vez pasadas 24 horas do primeiro intento e dentro das 72 horas laborábeis seguintes). E Poñendo a HORA REAL dos diferentes intentos de entrega.

4º Fai o traballo que poidas, pero faino ben e a un “paso” normal, seguindo o protocolo de seguridade e, no caso que non se poida, utiliza o sentido común. Se te equivocas a responsabilidade vas ter que asumila ti, ninguén che vai perdoar.

5º En caso de dúbidas demandar do voso/a Xefe/a respostas e comunicarlle todo tipo de incidencias que se poidan dar no reparto. Se ves que unha orde pode resultar irregulamentaria pídelle que a comunique por escrito ou oralmente diante de unha persoa da túa confianza.

6º No caso de detectar que che falta algo ou que directamente che rouben correspondencia, facer a denuncia diante da policía ademais da comunicación da incidencia á persoa responsable.

7º Cumpre cos teus horarios de entrada e saída e fai uso do teu dereito a descanso durante a túa xornada laboral dos vinte minutos. 

luns, 29 de decembro de 2014

O Comité de empresa e a Xunta de Persoal da Coruña denuncian a política de aforro “en capital humano” e esixe a cobertura de todas as ausencias


13-10-25 CIG-Correos Burgo


O Comité de empresa e a Xunta de Persoal de Correos da Coruña denuncian a situación de incumprimentos en materia de reparto postal e nos procesos de entrega de notificacións que se está  dar por mor da sobrecarga de traballo que sofre o persoal. Neste senso, a representación social subliña que dende o ano 2009, a Sociedade Estatal Correos e Telégrafos S.A, baseándose en criterios de volume de correspondencia, suprimiu 11.000 postos de traballo en todo o estado.



Para realizar esta supresión de postos de traballo, explican, primeiro o Equipo de Dimensionamento fai un estudo pormenorizado de cada posto de traballo, tomando nota do número de envíos que se sacan a reparto, distancias percorridas, números de caixas de correo, etc. Unha vez feito este estudo, decídense os postos que se van suprimir, e faise a reasignación de efectivos, asinando a cada empregado/a os postos de traballo restantes coas súas modificacións.
Neste senso, apuntan que nos últimos anos Correos está levando a cabo unha política de “aforro en gastos de capital humano”, consistente en non cubrir as ausencias que se producen por baixas laborais, permisos, vacacións, etc.
Así, Correos e Telégrafos, atendendo aos obxectivos que ten preestabelecidos, asínaselle a cada centro de traballo un número máximo de contratacións, das que poden dispoñer as persoas responsábeis das mesmas en caso de que se produzan ausencias laborais.
Pero cada vez eses obxectivos son máis altos, e están provocando “que os/as xefes/as das oficinas se vexan abocados a ditar ordes que supoñen unha sobrecarga de traballo para as/os repartidoras/es, xa que teñen que atender máis dunha sección de reparto por carteiro: a que teñen asinada, en atención aos criterios fixados polos Equipos de Dimensionamento, e parte doutra sección de reparto que está sen cubrir por mor das ausencias”, denuncian.
Isto deriva en que nesas unidades ou seccións, o reparto non se realice de forma diaria, e polo tanto, o correo chegue máis tarde do debido aos usuarios e usuarias, en contra do disposto na Lei Postal; así como que o tratamento das notificacións que leva a cabo o persoal sometido á sobrecarga de traballo, non se realice coas garantías establecidas pola Lei 30/1992 de 26 de novembro de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común.
Neste sentido, establece a Lei postal no seu artigo 24, en relación ao reparto da Correspondencia, que: "as entregas practicaranse, cando menos, todos os días laborábeis, de luns a venres, (. .. )". O feito de que Correos non contrate o persoal suficiente, en caso de ausencia de traballadores/as, “ocasiona que parte dos envíos ordinarios, como o dos certificados, non poidan ser repartidos no mesmo día en que entraron no centro de traballo”, advirten.
Xunto a isto, a representación social engade que cando o persoal de reparto de Correos está sometido a sobrecargas de traballo que non pode asumir, se quere repartir a carga de traballo que a maiores lle foi asinada, vese "obrigado" a practicar a entrega das notificacións dunha forma anómala que non cumpre coas garantías que establece a LRXPAC. “Estas formas de traballo están avaladas e consentidas pola Dirección de Correos, e forman parte da cultura da empresa”, critican.
“Á Dirección de Correos todo lle vale con tal de aforrar diñeiro na contratación de persoal que substitúa o que esporadicamente se atopa ausente, sen valorar a calidade do servizo nin seguir un cumprimento estrito das leis e normativas de reparto. Non podemos esquecer que nos atopamos en plena "Campaña de Nadal" cun incremento moi notábel do volume de correspondencia e faise imprescindíbel contratar o persoal necesario para que non se dean atrasos nin acumulacións pola falta de previsión”, aseguran.
Para darlle solución a este problema dende o Comité de Empresa e a Xunta de Persoal de Correos da provincia da Coruña esixiuse de Correos que cubra todas as ausencias que se producen, con independencia do motivo que as provoca e os postos que quedan vacantes por calquera causa. Sen esquecer en ningún momento o cumprimento das normas establecidas para efectuar o reparto da correspondencia.

martes, 2 de decembro de 2014

CORREOS NON REPÓN CORRECTAMENTE O UNIFORME D@S CARTEIR@S E NON LLO ENTREGA Ó PERSOAL CONTRATADO.

Concentración A Coruña

Desde o comité de empresa e a xunta de persoal de Correos da provincia da Coruña observamos con preocupación por un lado o feito que a empresa non lle está facilitando o uniforme nin todas as prendas regulamentarias de protección a todo o persoal contratado e por outro lado o estado de deterioro que presentan moitas das pezas de roupa que utilizamos para o noso traballo diario. Debemos lembrar que o traballo de reparto en Correos realízase á intemperie e as persoas que realizamos o reparto, fixos e contratados, estamos expostas a todo tipo de inclemencias meteorolóxicas, choiva, frío, vento, calor, exposición a raios UVA, etc...

Tamén vemos de maneira preocupante a merma de calidade da roupa que se entrega ao persoal. O calzado entregado na última ocasión é un calzado que non resiste o auga e non protexe correctamente os pes de persoas que pasamos diariamente varias horas camiñando. Todo isto nunha empresa que declarou, no 2013, uns beneficios de 48.400.000 €.

Concentración Ferrol

Levamos anos reclamando a Correos desde as diferentes organizacións sindicais que repoña os uniformes deteriorados. Son varias as veces que Correos prometeu repoñelos, cousa que finalmente non acontece pola dificultade e subxectividade no momento de xulgar o grado de deterioro que para Correos sempre adoita ser “leve”.

Por outra banda Correos afirma que a vida útil do uniforme está determinada polo fabricante. Extremo que rexeitamos tendo en conta que a vida útil calcúlase en función de unhas circunstancias climatolóxicas normais. Na nosa provincia os días de choiva, de frío e de vento ao ano son moitos é tamén son moitas as horas que pasamos expostos á intemperie e parécenos unha tomadura de pelo  dicir que un chuvasqueiro que se usa  nesas condicións e a diario ten que durar 6 anos.

Cocentración Santiago de Compostela
Asimesmo podemos destacar que varias das prendas do noso uniforme están declaradas como EPI (equipa de protección individual) como é o caso dos chuvasqueiros que contan con bandas reflectantes (que adoitan ser unha das primeiras partes en deteriorarse) aumentando o perigo de atropelo por baixa visibilidade d@ repartidor/a. Neste caso, como no dos guantes ou as botas reforzadas, Correos incumpre a lei de Protección de riscos laborais.

A falta de respostas e solucións da empresa ás reiteradas chamadas de atención por parte dos sindicatos e a necesidade inmediata de reposición de estas prendas foi o que provocou que o comité de empresa e a xunta de persoal convocáramos esta Concentración para mostrar a nosa disconformidade coa desprotección e o deterioro dos uniformes e reclamamos a reposición inmediata de todas as prendas, o aumento na calidade das mesmas e o cumprimento da Lei de Protección de Riscos Laborais no que se refire ás prendas consideradas como Equipo de Protección Individual (EPI’s)

Tedes que saber que a esta mesma hora fixéronse concentracións en A Coruña, Ferrol e Santiago porque é un problema que temos en toda a provincia e así llo queremos trasladar á Dirección.


Non podemos deixar de loitar pola nosa saúde,       
polos nosos dereitos e pola nosa dignidade.